Artículo de opinión sobre el profesorado y las leyes de la Xunta
Aquí tenéis el artículo que redacté para la revista anual del instituto, "Faíscas", en gallego.
HOUSTON, TEMOS UN PROBLEMA... CHAMA OS PROFESORES!!
As desigualdades sociais non son unha carga pertencente ó pasado: sabémolo, non só polas noticias que cada día poñen a proba a nosa entereza, senón tamén polas novas leis que, dun xeito maquiavélico e populista, caen coma lóstregos na treboada, ofrecendo solucións aparentemente adecuadas ós problemas actuais, pero evitando ir ó cerne dos conflitos, perpetuándoos ladinamente ou mesmo creando outros.
O sistema educativo é quizais un dos campos onde as torpezas de lexisladores e gobernantes máis dano poden facer, e fan. A última xenialidade da Xunta responde a unha preocupación que vai en aumento: os profesores deben ter máis poder do que teñen, seren capaces de impór o seu dominio sobre esa masa indomable que ás veces é o alumnado.
Parece entreverse certa nostalxia inconfesable, un desexo de ostentar o poderío que noutrora tiveran os nosos profesores. Cada nova lei parece avanzar nunha dirección descoñecida, pero inevitablemente remata dando un ou dous pasos atrás.
Parece que avanzamos cando remodelamos o sistema educativo e creamos novas materias tecnolóxicas, cando reagrupamos coñecementos en bloques diferentes que foxen da tradición e aspiran a dar un novo aire, cando cambiamos os libros de texto aplicando as novas tecnoloxías como material didáctico, cando enfocamos o estudo de idiomas estranxeiros dun modo menos academicista e máis comunicativo...
Pero todo este complexo armazón burocrático-administrativo responde a un espellismo no que a base segue a ser a mesma: as desigualdades permanecen.
Antes, un profesor recibía tratamento de autoridade, podía pegar ós seus alumnos se non tiñan o comportamento ou o rendemento esperados, impuña as súas normas militarmente sobre os rapaces que tiña baixo o seu mando, pagando coma prezo a renuncia á súa independencia de pensamento e servindo sumisamente á difusión da ideoloxía fascista ó servizo do Sistema (a dictadura franquista). Ese era o concepto de autoridade, de poder, de disciplina, de educación.
Agora, como consecuencia dun proceso de desintoxicación ideolóxica, e quizais tratando de fuxir a marchas forzadas daquel pesadelo que tanto tempo tardou en deixar de cheirar nas nosas almas (rancorosas unhas poucas, sedentas de vinganza outras, magoadas as máis), o profesor é unha figura dual: por unha banda representa o coñecemento que os alumnos deben adquirir, as expectativas de futuro subxacentes ó principio de xustiza poética tan cristianamente asumido (quen traballe triunfará, quen sexa lacazán será castigado), carente de correlato no mundo laboral capitalista que temos. Por outra banda, o profesor debe ser un instrumento aleccionador dotado de poder suficiente como para liberar da educación dos seus fillos os pais que estean demasiado ocupados no seu traballo.
Nun sistema democrático que respecte a dignidade do individuo, non é admisible que un profesor lle zoupe a un alumno por non traer feitas as tarefas, ou que o bote de clase por non ter un bo comportamento cando ata os dezaseis anos está obrigado a asistir.
Se a estas circunstancias engadimos que os pais non hai tanto que conqueriron a liberdade de deixárense os uns ós outros (xaora, benvido divorcio), dar morte a matrimonios xa podres hai tempo, e reiniciar as súas vidas, atoparémonos con adolescentes solitarios, desarraigados, sen referencias claras, e a sociedade requerirá unha ferramenta nova para aleccionar e dar exemplo, dotar de de paradigmas sociais e estruturas de convivencia os novos.
Os profesores seguimos estando no ollo do furacán. Sinálennos co índice e dígannos qué debemos facer, para iso nos pagan, non é?
Síntoo moito, non acepto.
A sociedade ten moitos fíos dos que tirar, ten moitos botóns que premer. Nada exime a un pai de cumprir as súas funcións, nin sequera unha lei que, nun absurdo e perigosísimo intento de contentar a profes vapuleados por rapaces sen escrúpulos e sen pais (funcional e referencialmente falando) reciban agora o tratamento de autoridades públicas, coa tan inxusta presunción de veracidade de que xa goza a policía, e que vén a resumirse na temida e antiga frase: “a miña palabra vale máis ca túa”.
Así non solucionamos nada. Cun parche non curamos un esguince, e menos se fomentamos tanto a desigualdade social e os privilexios.
A nostalxia é sempre a dor producida polo regreso, o sufrimento que xorde desa visita urticante ó faiado onde gardamos baixo chave padecementos remotos pero que necesitamos retomar.
Moitos pais acaban delegando toda responsabilidade relacionada coa disciplina e os seus fillos. Cren que como hai profesionais dedicados ó ensino poden facerse cargo tamén dos conflitos da adolescencia que en moitos casos os superan.
O goberno autonómico está a sacar da chisteira cada vez máis coellos, moi perigosos abofé, ante o aplauso de moitos que de súpeto ven solucionados algúns dos seus problemas, mentres coa outra man prepara o seguinte truco milagroso por baixo da mesa.
Xa basta de trampas, deixen de amolarnos coas súas manobras de despiste.
Os problemas están ben claros, sabemos qué é o que precisamos: non unha lei que me permita ter o poder daquel profesor que tanto dano me fixo no pasado, non unha lei que atope máis culpables cando un menor beba alcol (recaudando fondos indiscriminadamente), non unha lei que pregunte ós pais cómo queren que sexan as materias dos seus fillos...
Enchamos as escolas de profesionais necesarios, especialmente PT e AL; non fagamos recortes insostibles en persoal docente que cómpre ter, cando sen embargo segue habendo coches oficiais e privilexios de altos cargos; non deixemos que os alumnos que viven sos aprendan na escola por primeira vez o que significa un “non”, un “faino agora” ou un “primeiro estuda, logo xoga”; eduquemos en valores pero sexamos realmente merecedores de transmitilos, predicando co exemplo, asumindo os cambios sociais que nos rodean, aceptando o progreso como algo positivo (é dicir, resistíndose á actitude tecnofóbica tan habitual nos centros educativos e abrindo a mente a novas propostas, novos procedementos de avaliación...: o xiz está ben, pero é moi mellorable; ter un alumnado diverso é moi enriquecedor, aínda que supoña moitos máis esforzos – tanto por parte dos profes como sobre todo por parte da administración - ...).
Educar é moito máis que transmitir contidos e procedementos. Non é tarefa exclusiva dos profesores.
Educar é moito máis que castigar os erros e premiar os acertos. Os pais non deben ser meros adestradores de fillos-mascotas.
Educar é guiar desde diante, un “diante” que carece de toda connotación xerárquica, e que tan só se refire ó paso do tempo: os que teñen máis anos e saben máis, os que xa foron adolescentes e poden comprender o que eu agora vivo como adolescente que son, poden axudarme a crecer.
Educar é axudar a ser mellores, a encaixar nun mundo ás veces gris e escuro, pero tamén luminoso, e nesa tarefa dá igual ser profesor ou pai, todos debemos e podemos contribuir.
0 comentarios