Blogia
En el río pasan ahogados todos los espejos del pasado

Modelo de examen de Música 3 ESO 2a Evaluación

IES Xesús Taboada Chivite – Departamento de Música – Curso 2019-20

MODELO DE EXAME “MÚSICA 3º ESO 2ª Avaliación”

1º.- Unidade 4: “O Clasicismo”. Escolle TRES destas preguntas: (4 ptos)

 

a)      Os estilos preclásicos: características.

b)      O estilo clásico na música: características.

c)      A reforma da ópera seria.

d)      A ópera seria e a ópera bufa. Mozart e Glück.

e)      A forma sonata e a música instrumental: sinfonías, cuartetos, sonatas…

 

3º.- Unidade 5: “O Romanticismo”. Escolle DÚAS destas preguntas: (3 ptos)

 

a)      Características principais do Romanticismo como movemento cultural.

b)      A música sinfónica no Romanticismo.

c)      A música vocal profana no Romanticismo: os lieder.

d)      A música vocal profana no Romanticismo: as óperas.

 

4º.- Definicións: une os seguintes termos musicais coa época na que aparecen, e defíneos despois (3 ptos)

 

FORMA SONATA

POEMA SINFÓNICO                                                      CLASICISMO

RONDÓ

BAIXO ALBERTI                                 ROMANTICISMO

MÚSICA PROGRAMÁTICA

IDEA FIXA                


Respostas:

1º.- Os estilos preclásicos: características.

A transición do Barroco ó estilo Clásico pasa por uns estilos de transición, denominados Preclásicos, e que se poden definir como segue:

a)    ROCOCÓ: termo francés que fai referencia á arquitectura francesa de principios do s. XVIII, caracterizada por suavizar as formas angulares con arabescos curvados ou “rocailles” (obra de cunchas). Este tipo de música presenta una melodía composta a partir de motivos curtos profusamente repetidos e cunha abundancia esaxerada de adornos que destaca sobre una harmonía sinxela. Búscase unha refinada ornamentación. François Couperin é un destacado compositor deste estilo.

b)    ESTILO GALANTE: enténdese con este termo todo o que é moderno, civilizado, exquisito e elegante. Este novo estilo, xurdido na ópera italiana como unha reacción ante o estilo contrapuntístico barroco, ten como rasgo musical máis característico o uso de melodías baseadas en curtos motivos que se serven dunha figuración rítmica en perpetuo movemento e contrastante, frases musicais moi adornadas e estructuradas en frases periódicas edificadas sobre unha harmonía simple.

c)    EMPFINDSAMER STIL: tamén chamado “estilo sensible” ou “sentimental”, xorde en Alemaña a mediados do s. XVIII na corte de Federico o Grande. Presenta una expresión inmediata do sentimento persoal, en contraste co ¨”afecto” típico do Barroco. Este tipo de composicións ten melodías periódicas, con adornos, apoios, cromatismos, figuras rítmicas nerviosas, cambios bruscos de harmonía… todo na procura de expresar una melancolía apaixonada.

 

2º.- O estilo clásico na música: características.

O contexto que viu xurdir o estilo clásico na música (1750-1830) é a época da Ilustración (Enciclopedismo, interese polo coñecemento e a súa sistematización), a evolución das ciencias (Revolución industrial) e ideas (Revolución Francesa, 1789). Politicamente é o momento do Despotismo ilustrado (“todo para o pobo pero sen o pobo”). A burguesía, enriquecida cos negocios ultramarinos e metalúrxicos e coa banca, consolídase como una nova clase social con amplos poderes económicos e políticos.

No Clasicismo, son importantes os seguintes aspectos musicais:

a)    A búsqueda da claridade, tanto na FORMA musical como na MELODÍA, que pasa a ser o elemento máis relevante, por riba da HARMONÍA  do RITMO.

b)    A simetría, a sobriedade, o equilibrio, son aspectos moi valorados neste momento.

c)    A tonalidade: tras o Barroco e os seus intentos de exploración dos límites do sistema modal se instaura o sistema tonal, no que una nota se converte en centro dunha tonalidade. A tríada (conxunto de tres notas que forman acordes ó soaren xuntas) é o que interesa e define agora as tonalidades.

d)    O temperamento: as distancias entre as doce notas da escala iguálanse, equilíbranse.

e)    A frase musical como centro do interese do compositor e do público.

 

 

3º.- A reforma da ópera seria.

Desde a súa aparición no Barroco, a ópera converteuse nun espectáculo de gran aceptación.

Lembramos que había dous tipos de ópera: ópera seria (aquela protagonizada por deuses, nobres e héroes da mitoloxía clásica, con temas heroicos e elevados, para que o público admirara as súas accións) e ópera bufa (tamén chamada ópera cómica, protagonizada por personaxes de todo tipo de clase social e condición, cos que o público podía sentirse identificado, e que trataban temas cotiás).

Despois de todos os excesos que tiveron lugar na ópera barroca, a cargo dos caprichos dos castrati e das primmae donnae (cantantes solistas que impuñan os seus desexos ós intereses da obra, e que se negaban a actuar se o director/produtor musical non aceptaba unir as súas arias favoritas, aínda que pertenceran a óperas distintas e o argumento non xustificase ditas unións, co fin de lucirse ante o público), Glück leva a cabo a reforma da ópera seria.

Decide que o argumento sexa o máis importante, que os bailes, cancións, etc estean sempre xustificados polo argumento, ou que sexan suprimidos, para dotar dunha maior naturalidade á ópera.

 

4º.- A ópera seria e a ópera bufa. Mozart e Glück.

Lembramos que había dous tipos de ópera: ópera seria (aquela protagonizada por deuses, nobres e héroes da mitoloxía clásica, con temas heroicos e elevados, para que o público admirara as súas accións) e ópera bufa (tamén chamada ópera cómica, protagonizada por personaxes de todo tipo de clase social e condición, cos que o público podía sentirse identificado, e que trataban temas cotiás).

Despois de todos os excesos que tiveron lugar na ópera barroca, a cargo dos caprichos dos castrati e das primmae donnae (cantantes solistas que impuñan os seus desexos ós intereses da obra, e que se negaban a actuar se o director/produtor musical non aceptaba unir as súas arias favoritas, aínda que pertenceran a óperas distintas e o argumento non xustificase ditas unións, co fin de lucirse ante o público), Glück leva a cabo a reforma da ópera seria.

Mozart fixo as seguintes óperas: serias (A obriga do primeiro mandamento, Apolo e Xacinto, Mitridates, rei do Ponto, Ascanio en Alba, O soño de Escipión, Lucio Silva, O rei pastor, Thamos rei de Exipto, Idomeneo rei de Creta, O rapto no serrallo) e cómicas (Bastián e Bastiana, A falsa inxenua, A falsa xardiñeira, O esposo enganado, O empresario teatral, As vodas de Fígaro, Don Giovanni, Así fan todas, A frauta máxica).

Glück fixo as seguintes óperas serias: Artajerjes, Demofoonte, La clemenza di Tito, Orfeo e Eurídice, Alceste, Ifigenia en Áulide, Ifigenia en Tauride, Armide, Echo e Narciso…

 

5º.- A forma sonata e a música instrumental: sinfonías, cuartetos, sonatas…

No Clasicismo a FORMA SONATA evoluciona, a partir das formas instrumentais baseadas en modelos vocais que no Renacemento deron lugar á CANZONA (a partir da chanson de amor francesa) e no Barroco ós dous tipos de SONATA         (sonata da camera, con estrutura R-L-R-L, para tocar en recintos pechados; e a sonata da chiesa, con estrutura L-R-L-R, para tocar na igrexa), e que se caracterizaban por ter seccións contrastantes.

Pero cómpre distinguir dous definicións diferentes da palabra SONATA:

a)    Como forma musical, designa a una composición instrumental de gran forma con 3 ou 4 movementos, con esta secuencia:

1º movemento: rápido e extenso, con moito material musical e grandes dificultades, con estrutura de FORMA SONATA (tripartita)

2º movemento: lento e expresivo, idóneo para que o instrumentista amose a súa capacidade de transmitir. Normalmente é un LIED ou un TEMA E VARIACIÓNS.

3º movemento: rápido, breve e con ritmo bailable. Normalmente é un MINUETO. A partir de Haydn, sustituirase en moitas ocasións por un SCHERZO, que ten a mesma estrutura pero un carácter máis alegre e divertido (scherzo en italiano significa “xogar”).

4º movemento: rápido, breve e complexo. Normalmente un RONDÓ, una FORMA SONATA ou un TEMA E VARIACIÓNS.

b)    Como estrutura, é a FORMA SONATA, e ten tres partes (exposición, desenvolvemento e recapitulación).

Cando a obra de gran forma con catro movementos ten como destinatario una orquesta recibe o nome de SINFONÍA, cando está escrita para 2 violíns, 1 viola e 1 violonchelo, CUARTETO DE CORDA. Cando é para un ou varios instrumentos, SONATA.

 

6º.- Características principais do Romanticismo como movemento cultural.

O século XIX supón una época de profundas transformacións nas sociedades europeas: o crecemento da industria e o auxe do comercio fan que o poder económico se traslade do campo á cidade.

Os intelectuais ilustrados marcan a pauta deste pensamento de ruptura co Antigo Réxime: Gibbson, Hume, Diderot, Montesquieu abanderan o novo ideal democrático e fraternal.

A consideración social do músico cambia: pasa de ser un artesán da música a ser un artista dotado dunha capacidade artística especial, e aparece o xenio romántico. O músico pasa a compór para el mesmo, para a eternidade, e non para ocasións concretas.

As principais características musicais do Romanticismo son estas:

a)    Procura do infinito, do afastado en espazo e tempo;

b)    Dicotomía entre a música para grandes masas instrumentais e vocais e as composicións que procuran o íntimo;

c)    Procura da música absoluta, na que a música instrumental sería a maior expresión:

d)    Interese polas grandes formas musicais e polas pequenas formas instrumentais;

e)    Aparece a música programática, que traslada á música un tema literario: aparece o POEMA SINFÓNICO;

f)     Evolución da harmonía a través da exploración de tonalidades afastadas e con moitos cromatismos;

g)    A melodía perde as súas características clásicas de simetría, racionalidade e equilibrio;

h)   Forte explotación do timbre e nacemento do historicismo.

 

7º.- A música sinfónica no Romanticismo.

De entre os músicos contemporáneos a Beethoven, destacan como grandes sinfonistas Franz Schubert, Félix Mendelssohn, Robert Schumann e Héctor Berlioz.

Schubert compuxo 8 sinfonías (a 8ª quedou inconclusa debido á súa prematura morte). Nas primeiras sinfonías utiliza unha linguaxe moi ligada ó mundo clásico en canto á orquestración, pero as melodías son completamente orixinais. A 4ª sinfonía (chamada “tráxica”) está relacionada coa 5ª de Beethoven. Na Sinfonía inacabada rompe co pasado.

Mendelssohn pertencía a unha familia con moitos recursos económicos. Na súa forma de facer música vese un equilibrio entre os principios clásicos e románticos. Compuxo 5 sinfonías, entre as que destacan a Escocesa (que introduce a gaita) e a Italiana (con formas propias da música mediterránea, como a tarantela).

Schumann é un dos poucos compositores netamente románticos desde as súas primeiras composicións. Fixo 4 sinfonías, moi afastadas do esquema clásico na súa concepción formal, melódica e harmónica. A primeira, denominada “Primavera”, ten una débeda coa Sinfonía Pastoral de Beethoven. A terceira denomínase “Renana” porque evoca o sentimento dun día no río Rin.

Berlioz destaca pola súa Sinfonía fantástica, en 5 movementos, subtitulada “Episodio da vida dun artista”. É unha obra programática que traslada á música unha historia literaria. Emprega para iso a IDEA FIXA, que é unha melodía que se repite cada vez que aparece un personaxe. Tamén fixo una sinfonía coral (Romeo e Xulieta) e outra obra de difícil clasificación: A condenación de Fausto.

 

8º.- A música vocal profana no Romanticismo: os lieder.

A canción alemá goza dun gran desenvolvemento no s. XIX, ligado ós textos dos grandes escritores alemán. O LIED (“canción” en alemán, plural: LIEDER) toma como base un poema, cantado con acompañamento instrumental (normalmente piano). Goethe (con máis de 70 lieder), Schiller (con 40) e Müller foron tres dos escritores postos en música polos compositores máis destacados do Romanticismo, entre os que se atopaba Schubert, que compuxo máis de 600 lieder, agrupados en ciclos tan coñecidos como A bela muiñeira, Winterreise O canto do cisne.

Schubert destaca porque amosa una linguaxe harmónica moito máis avanzada que nas súas composicións sinfónicas

Os lieder tiñan distintas formas musicais: a máis extendida era a forma estrófica, composta por varias estrofas, todas coa mesma música. Tamén había o LIED TERNARIO, con forma ABA. E tamén era habitual o LIED RONDÓ, que era aquel que tiña un retrouso.

Schumann tamén fixo moitos lieder, entre os que destacamos o ciclo titulado Amor de poeta, sobre textos de Heine.

 

9º.- A música vocal profana no Romanticismo: as óperas.

No Romanticismo faise patente a separación entre os compositores de música dramática e os compositores de música sinfónica. Mozart foi o último en aunar ambas tendencias: nin Beethoven, Schubert, Brahms ou Mendelssohn foron grandes compositores de óperas, nin Rossini, Wagner ou Verdi o foron de música puramente instrumental.

Os estilos nacionais diferéncianse claramente respecto á época anterior.

Os asuntos épicos, mitolóxicos ou históricos dan paso ó sobrenatural, ó cotián ou ó tráxico nas óperas románticas.

A ópera francesa ten como grandes compositores a Meyerbeer (a gran ópera que el concibe pasa de 3 a 5 actos, quere explotar a teatralidade inherente á ópera e utiliza unha orquestra de enormes dimensións; a súa ópera Os hugonotes) e a Bizet (famosísima ópera ambientada en España que recibiu mala crítica no seu momento).

A ópera alemá comezamos con Carl María von Weber, que empregou ritmos e melodías baseados no folklore (ruso, italiano, eslavo), e que fixo Der Freischüdt (exaltación da ópera nacional alemá), Euryanthe (ópera seria nacional) e Oberon (ambientada no mundo das fadas).

Despois chegamos a Wagner, autor destacadísimo que fixo óperas en tres etapas: etapa de mocidade (cun estilo netamente nacional, con coros; deixa de separar entre aria e recitativo, e tamén deixa de separar escenas e actos: Rienzi, As fadas, O holandés errante), segunda etapa (Tannhäuser, Lohengrin) e terceira etapa (Os mestres cantores de Nuremberg, Tristán e Isolda, Parsifal, Tetraloxía O anel do Nibelungo: O ouro do Rin, A walkiria, Sigfrido O ocaso dos deuses).

A ópera italiana: aquí hai unha evolución do belcantismo (con compositores como Rossini, autor de O barbeiro de Sevilla, Guillermo Tell; Gaetano Donizetti, L´elisir d´amore, Lucrezia Borgia, Lucia di Lammermoor; Vicenzo Bellini, Norma), pasando por Verdi (autor famosísimo de óperas como Nabucco, Macbeth, Rigoletto, Il trovatore, A traviata, Don Carlo, Aida, Otello) ó verismo (con compositores como Mascagni, autor de Cavalleria rusticana, e Leoncavallo, autor de Os pallasos), para chegar a Puccini, autor que pecha a evolución da música operísticas italiana deste periodo, con obras tan coñecidas e relevantes como Manon Lescout, A Boheme, Tosca, Madame Butterfly, Turandot

 

Definicións: 

FORMA SONATA (Clasicismo) Estrutura musical dividida en tres partes, denominadas exposición, desenvolvemento e recapitulación. Na exposición aparecen os temas A e B, que son contrastantes entre si, e reaparecen na recapitulación. O desenvolvemento é libre.

POEMA SINFÓNICO (Romanticismo) Composición típica do Romanticismo na que un texto pretende ser expresado musicalmente, e para iso o compositor emprega todo tipo de recursos musicais (onomatopeas, etc).                              

RONDÓ (Clasicismo) Forma musical de ritmo vivo (normalmente) que se caracteriza pola presencia dun retrouso que se repite alternando con outras coplas.

BAIXO ALBERTI (Clasicismo) Tipo de acompañamento que se pon de moda no século XVIII e que consiste en descomponer os acordes nunha melodía que toca alternativamente as tres notas do acorde, restándolle o protagonismo ó acompañamento e cedéndollo á melodía.                                               

MÚSICA PROGRAMÁTICA (Romanticismo) Aquela que segue un programa ou utiliza textos para guiar a interpretación do espectador ante o espectáculo musical que se lle ofrece. Pode ser un texto previo á música, ou un texto que se fai despois para esclarecer a súa interpretación.

IDEA FIXA (Romanticismo) Frase musical ou tema musical que se utiliza asociado a un personaxe ou situación, nunha obra de maior extensión, e que reaparece cada vez que ese personaxe aparece. Wagner empregaría este procedemento coa denominación de leit motiv.                 

0 comentarios