Blogia
En el río pasan ahogados todos los espejos del pasado

O sistema educativo actual diseccionado cunha fratografía

O sistema educativo actual diseccionado cunha fratografía

Este debuxo é unha fratografía, unha viñeta cómica que critica a realidade educativa, realizada polo gran Frato.
Se vos fixades no debuxo, veredes un grupo heteroxéneo de rapaces que teñen como única característica común a súa idade.
Podedes ver rapaces altos e baixos, en cadeira de rodas ou irtos, con roupas caras ou humildes, brancos ou negros, con boa vista ou cegos...
A sociedade actual é así de variada, así de multiforme, e a ningún alumno hoxe en día lle chama a atención o feito de compartir aula con alumnos doutras razas, nacionalidades, estratos sociais ou con necesidades educativas específicas (por ter algún déficit ou incapacidade, por exemplo). Na miña época como estudante isto era impensable: con aquel sistema educativo non había oportunidades para un alumno que non manexara o idioma perfectamente, non había lugar para alumnos con dificultades de mobilidade, dificultades de aprendizaxe, xordeira, etc.
Un dos grandes logros do paso do tempo foi precisamente este: hoxe todo alumno ten dereito á educación.
As aulas énchense con rapaces moi variados, e neste contexto o labor de departamentos como o de Orientación é fundamental: precisamos máis profesores de pedagoxía terapéutica (PT), máis orientadores, máis profesores de audición e linguaxe (AL). É preciso que se invistan cartos na contratación destes profesionais, xa que sen o seu traballo retrocederiamos aos tempos nos que non había unha atención adaptada ás necesidades dos alumnos.
Se facemos unha análise do perfil das aulas de centros públicos, centros concertados e centros privados, poderemos observar sen ningún xénero de dúbidas que a medida en que o nivel adquisitivo esixido aos pais aumenta, a diversidade por aula diminúe. Isto tradúcese en que nos centros privados non hai alumnos estranxeiros, xitanos, alumnos con déficit de atención e hiperactividade, alumnos con parálise cerebral ou outras doenzas que lles dificulten a aprendizaxe. Todos estes alumnos son atendidos polo ensino público. 
Os centros públicos axústanse á fratografía que encabeza este artigo: neles hai espazo para todo o mundo, hai oportunidades para todos, a ninguén se lle pecha unha porta. Os cartos do estado e dos impostos dos seus cidadáns sosteñen un sistema que fará o posible por proporcionar unha educación de calidade, atendendo as necesidades de cadaquén.
Por outra banda, os centros privados seguen o funcionamento dunha empresa: mídense polo índice de aprobados por ano, buscan resolver os conflitos que baixen o rendemento medio e seleccionan moito o alumnado que teñen. Non me meto nese sistema, xa que se financia a si mesmo a través de elevadas cuotas mensuais que os pais dos seus alumnos ingresan, pero a realidade humana na que se crían estes alumnos non é real, non saen acostumados a viviren con seres diferentes a eles. Estudan nun gueto con paredes de ouro rodeado por un mundo cheo de espiñas e tebras que tan só arrostrarán cando rematen esta etapa.
Agora ben, os centros concertados, que están a medio camiño entre os dous tipos anteriores (isto é algo que eu non comprendo, xa que se utilizan fondos públicos para o beneficio dunha minoría capaz de pagar mensualidades máis reducidas cás dos centros privados), tamén seleccionan o seu alumnado poñéndolle trabas de acceso (prazos expirados, grupos pechados con tódalas prazas ocupadas - herdadas, diría eu -, etc).
Non é xusto que cos cartos de todos se paguen servizos que tan só repercuten no beneficio duns poucos.
E a educación pública pouco a pouco vai perdendo as poucas vantaxes que tiña comparada coa privada: antes os profesores dos centros públicos eran especialistas na materia que daban, mentres que na privada non existía ese garante. Agora, coa política de recortes da Consellería, tampouco existe no ensino público, xa que non hai personal abondo e coa ampliación horaria do persoal fixo aínda haberá menos profesores, que terán que asumir as horas de docencia que daban os seus compañeiros.
Aínda que traballamos con seres humanos - e non con mercadorías - adoptamos o patrón do sistema empresarial, enviando inspectores ós centros nos que o índice de aprobados non é o idóneo, facendo auditorías de departamentos "sospeitosos" de non facer o seu traballo, cuestionando continuamente os compañeiros do departamento de orientación (porque non sempre fan o noso traballo sacándonos as castañas do lume, segundo aqueles profesores que cren que esa é a súa función, idea que non comparto).
Vemos como os alumnos son medidos, tasados, pesados, valorados segundo complexas e ridículas táboas, con termos tan interesantes como mal comprendidos (as competencias básicas, de seren axeitadamente aplicadas, serían unha boa forma de avaliar, e non a quiniela na que se converten en tantas ocasións).
A burocracia devora o espazo da imaxinación, a tecnofilia levada ao extremo destrúe o humanismo, e ante todo estamos a traballar cun "material" enormemente fráxil e sensible: persoas.
Non estamos a cortar troncos para facer mesas ou cadeiras. Non podemos reducir a multiplicidade das nosas aulas a unha táboa de excel. Non podemos aspirar a un cen por cento de aprobados cando os nosos alumnos son cen por cento diferentes entre si.
Os fondos públicos deben redirixirse para o beneficio do maior número posible de alumnos, e xa que existen medidas correctivas para arranxar problemas (os tan temidos expedientes disciplinarios da inspección educativa) fagamos un uso responsable, eficaz, non politizado e humano de todos estes medios.
Os nosos alumnos meréceno. Todos. Non só os que manexen cartos.

0 comentarios