Artículo publicado en la revista EDUGA: "Facendo de Verín un novo Broadway"
Cliqueando aquí accederás al artículo que publiqué en la revista EDUGA, nº 70, en la sección Enfoques /Proxeccións / Ampliacións.
Por si tienes dificultades para acceder al enlace copio y pego el texto aquí (sin fotos):
"Aínda que comezamos cunha modesta versión teatral e poética do musical Os miserables alá polo curso 2012/13, no curso seguinte apostamos polos elementos audiovisuais incorporados ao teatro cantado, coa nosa versión cabareteira do Moulin Rouge. O pasado curso atrevémonos a traducir ao galego o musical Mamma mia!, con máis de 14 cancións, 8 coreografías e 17 escenas teatrais, que duraban dúas horas e cuarto e mantiñan o público atento aos acontecementos das súas protagonistas.
A idea que buscamos neste curso 2015/16 co noso proxecto Hoy no me puedo levantar, baseado na música de Mecano, é englobar a toda a comunidade educativa nun labor cooperativo no que os distintos departamentos poden ofrecer o seu grao de area: decorados traballados en Plástica, recursos técnicos en Tecnoloxía, cuestións teatrais e lingüísticas en Lingua Castelá e Lingua Galega, mesmo as linguas estranxeiras para facermos traducións e ver como cambia a letra (Inglés, Francés, Portugués), as coreografías traballadas desde Educación Física etc.
O que perseguimos nesta teimuda busca da beleza é que alumnado e profesorado se sintan implicados, como axentes activos, nunha estrutura de colaboracións e postas en común que busca non só acadar obxectivos curriculares senón, sobre todo, formar persoas e crear contextos de aprendizaxe.
Pola experiencia anterior podemos ter seguro que, se motivamos o suficiente os alumnos e os profesores, obteremos unha resposta unánime e positiva: xa puxemos “patas arriba” a vila de Verín cando fixemos no pavillón dos deportes o musical Moulin Rouge ante máis de 750 persoas, e non nos quedamos curtos cando fixemos dúas xiras por outros centros educativos cos nosos outros dous musicais.
A xente de Verín amósase maioritariamente receptiva, cooperadora e agradecida, e xa son moitas as contribucións que nos quixeron facer e fixeron, non só desde librerías e comercios senón pais e nais de alumnos: carteis, lugares para actuar etc.
Cremos que o profesorado debe buscar nestas iniciativas as ferramentas para cohesionar a comunidade educativa, fomentando o traballo por proxectos e a difusión da arte en todas as súas formas, non só polo papel dinamizador e normalizador da lingua que poida ter, que o ten, senón pola necesidade cada vez máis evidente de potenciar a faceta humana, social, cooperativa non só dos alumnos, senón sobre todo dos profesores, auténticas fontes de motivación directa ou indirecta do noso estudantado.
Non se trata simplemente de levar ao escenario unha obra, é todo o que hai detrás dese momento culminante: os ensaios, as horas de preparativos, as coreografías, o coro, os solistas, os actores e actrices, os decorados, os nervios, as decepcións ao non ser quen de manter o compromiso ou as ledicias ao comprobar que nada se interpón realmente entre unha persoa de palabra e a realidade que habita.
Os alumnos e os profesores poden sentirse satisfeitos non só polo feito (anecdótico á fin das contas) de que o musical saia mellor ou peor, senón sobre todo pola capacidade comunal de construír entre todos, cadaquén co seu esforzo persoal, un proxecto a medio e longo prazo.
Penso que. se os profesores fósemos quen de saírmos das nosas celas individuais e prestarmos atención a ese espazo común que é, por exemplo, o salón de actos, o vestíbulo, o patio, descubririamos que hai moito por facer, e que podemos sumar moito máis se superamos ese terror case enfermizo ao cumprimento dos programas: e con isto non quero dicir que haxa que deixalos a medias, en absoluto. O que quero subliñar é a idea de que unha materia pode impartirse de moitas maneiras e non todas pasan por suprimir as artes ou as letras.
http://davidov3.blogia.com/2013/081901-grabacion-de-nuestra-version-del-musical-los-miserables-.php"
0 comentarios