Blogia
En el río pasan ahogados todos los espejos del pasado

Respuestas de ejemplo para el examen de recuperación de Música de 3º ESO

Respuestas de ejemplo para el examen de recuperación de Música de 3º ESO

NO RESPONDÍ A TODAS, SINO A UNA SELECCIÓN QUE SIRVA DE EJEMPLO DE LO QUE SE ESPERA DE VOSOTROS:

1º.- A música na Antigüidade clásica grecolatina: escolle unha pregunta:

a) A música e os deuses gregos: Apolo e Dionisio. As musas e as artes. (1 punto)

Na cultura grecolatina o deus Apolo representa a orde, o equilibrio, a luz e o racional. Pola súa parte, Dionisio era o deus da fecundiade da terra (do viño), do caos, do visceral e apaixoado, do caótico.

De aí extráense os concepto "apolíneo" e "dionisíaco", que aplicados ós distintos períodos artísticos terían esta correlación: o apolíneo tería que ver coa Antigüidade clásica, co Renacemento (séculos XV e XVI), co Clasicismo (de 1750 a 1830) e co Neoclasicismo. Nestes períodos prevalece o ideal da simetría, da austeridade e sinxeleza das formas, da claridade e do racional.

O dionisíaco tería que ver coa Idade Media, o Barroco e o Romanticismo. Nestes períodos xa non interesan aqueles aspectos racionais e ordeados.

As nove musas eran fillas de Apolo e de Mnemosyne (a Memoria), e cada unha delas custodiaba un arte diferente:

  • Calíope (Καλλιόπη, ‘a da bela voz’); musa da elocuencia, beleza e poesía épica (canción narrativa).
  • Clío (Κλειώ, ‘a que ofrece gloria’); musa da Historia (epopea).
  • Erato (Ἐρατώ, ‘a amorosa’); musa da poesía lírica-amorosa (canción amatoria).
  • Euterpe (Ευτέρπη, ‘a moi placenteira’); musa da música, especialmente do arte de tocar a frauta.
  • Melpómene (Μελπομένη, ‘a melodiosa’); musa da traxedia.
  • Polimnia (Πολυμνία, ‘la muchos himnos’); musa dos cantos sagrados e da poesía sacra (himnos).
  • Talía (Θάλεια o Θαλία, ‘a festiva’); musa da comedia e da poesía bucólica.
  • Terpsícore (Τερψιχόρη, ‘a que deleita na danza’); musa da danza e poesía coral.
  • Urania (Ουρανία, ‘a celestial’) musa da astronomía, poesía didáctica e das ciencias exactas.

2º.- A música na Idade Media: elixe tres preguntas:

a) O canto gregoriano: características. (1 punto)

O canto gregoriano recibe este nome do Papa Gregorio o Magno, que foi quen recopilou e sistematizou o seu repertorio.

Consiste no canto chá (monódico) da Igrexa católica, xorde como un refinamento da liturxia e ten as seguintes características musicais:

- canto a capella, sen acompañamento instrumental

- coro masculino

- textura monódica

- texto en latín

- función social litúrxica, como parte integrante da celebración da misa

- escritura adiastemática (in campo aperto, é dicir, sen referencias concretas de altura)

- tipos de canto segundo as notas por sílaba (silábico: 1 nota/ 1 sílaba; pneumático: 2 ou 3 notas / 1 sílaba; melismático: máis de 3 notas / 1 sílaba)

- tipos de canto segundo as intervencións dos cantantes (directo: todos cantan todo; antifonal: alternancia entre solista e coro; responsorial: alternancia entre dous coros ou dous solistas)

- tipos de canto segundo a súa liña melódica (psalmódico: hai unha nota principal, chamada tenor ou corda de recitado, entorno a cal discorre a melodía; himnódico: repítese unha frase musical mentres cambia o texto)

- canto modal complexo con oito modos diferentes (octoechos latino)

- ritmo libre, non medido

b) Formas paralitúrxicas: tropos e secuencias. (1 punto)

Son formas que non pertencen á celebración da misa pero que son relixiosas.

Nacen coma engadidos (tropos) de texto a un melisma para facilitar a súa memorización. Despois xorden os engadidos de música a textos previos. Finalmente están os engadidos de música e texto.

A secuencia nace como un tropo do aleluia. Houbo moitas, e fixéronse moi populares, polo que no Concilio de Trento foron prohibidas (agás cinco)

d) Tipos de canción segundo o seu contido. (1 punto)

- Canción de amor: canción na que un eu poético masculino louba as perfeccións da amada dacordo co código do amor cortés (o amor é unha enfermidade, a dama debe recibir un servicio para aceptar ó galán; é un amor adúltero e segredo, cunhas normas e con catro graos na escala do namorado, desde fenhedor, precador, entendedor e drutz)

- Pastorela: canción na que os namorados son pastores nun emprazamento bucólico (locus amoenus) pero seguindo as normas do amor cortés

- Sirventés: canción de temática política

- Pranto: canción de lamento pola perda dun ser querido

- Tensó: canción na que dous trobadores se enfrontan para ver quen é mellor no seu arte

- Alborada ou alba: canción na que os namorados se despiden coa chegada da mañá

- Cantiga de amigo: canción de amor na que un eu poético feminino se lamenta cun confidente (a nai, a irmá, o mar, a natureza, Deus...) da ausencia do amado

- Cantiga de escarnio: canción de crítica suave contra unha persoa

- Cantiga de maldizer: canción de crítica feroz contra unha persoa

- Cantiga de Santa María: canción de loubanza á Virxe

3º.- A música no Renacemento: elixe unha pregunta:

a) A música instrumental no Renacemento. (1 punto)

A música instrumental neste período vive unha evolución enorme, que podemos resumir nestes catro apartados:

- formas baseadas en modelos vocais: seguindo a estrutura da chanson francesa, na que había seccións contrastantes, aparecen a canzona e o ricercare

- variacións sobre baixos de danza: utilizando baixos fixos repetidos fanse variacións, e poden ser ruggieros, romanescas, folias, chaconas, passacaglias, etc

- danzas: utilizando as danzas máis coñecidas e agrupándoas por pares (binaria-ternaria, lenta-rápida, de pasos-de saltos) obtemos o par pavana-gallarda

- formas improvisatorias: composicións instrumentais nas que se repiten deseños melódicos.

4º.- A música no Barroco: elixe dúas preguntas:

b) Novas formas instrumentais: O concerto e a fuga. (1 punto)

O concerto xorde no Barroco como unha forma instrumental na que se desenvolve o estilo concertato (aquel que fai "colaborar" e "oporse" simultaneamente a varios instrumentos).

Segundo o número de solistas hai tres tipos de concerto:

- concerto policoral: todos os intérpretes son solistas. Exemplo: o Concerto de Brandenburgo nº 3 de Bach.

- concerto grosso: hai un grupo reducido de solistas (normalmente tres ou catro) e un conxunto (tutti ou rippieno, "recheo"). Exemplo: o Concerto de Brandenburgo nº 2 de Bach.

- concerto solista: hai un único solista e o tutti. Exemplo: O inverno, de Vivaldi.

A fuga é unha forma evolucionada a partires do ricercare polifónico. Nela hai un suxeito (ou tema, chamado cabeza ou "comes") que dá lugar a un número indefinido de repeticións, imitacións e xogos contrapuntísticos. Non hai dúas fugas iguais, pero normalmente teñen varias seccións e van entrando as voces dunha nunha. É común que a fuga vaia acompañando a outra forma musical, por exemplo "Preludio e fuga", ou como segunda parte dunha obertura francesa.

c) A música vocal protestante: cantata, oratorio, paixón. (1 punto)

Trala ruptura que supuxeron as teses de Lutero apareceu o Protestantismo, e no eido musical tivo como principal repercusión o xurdimento de formas musicais adaptadas á súa liturxia.

A cantata é unha composición vocal e instrumental na que hai a alternancia entre arias e recitativos, con corais e partes instrumentais. Soe tratar temas sacros.

O oratorio é semellante á ópera, posto que hai personaxes, arias e recitativos, pero non hai representación escénica. No seu lugar hai un narrador (chamado "testo") que explica os acontecementos.

A paixón é unha cantata centrada especificamente na paixón e morte de Cristo.

Johann Sebastian Bach foi un dos máis destacados compositores destes tipos de música sacra. 

5º.- A música no Clasicismo: elixe unha pregunta:

b) A ópera seria e a súa reforma. Gluck. (1 punto)

A ópera foi un dos xéneros máis revolucionarios no eido da música culta. Conseguiu o éxito das masas ó entrar a formar parte dos espectáculos ós que se podía acceder mediante o pago dunha entrada, e nela había a posibilidade de dar as costas á cruda realidade.

O éxito dos castrati (cantantes masculinos que foran castrados antes de pubertad coa intención de manter o seu rexistro agudo intacto e combinalo coa potencia pulmonar dun home adulto, idónea para todo tipo de ornamentacións e dificultades técnicas) levou a que os seus caprichos se impuxeran ás intencións dos compositores, dando lugar á óperas pastiches (composicións nas que se sucedían arias pertencentes a óperas diferentes, coa única idea de ofrecer ó público unha sucesión de arias difíciles nas que lucir as dotes musicais do divo de turno, a pesar de que non houbera un fío argumental que xustificase a súa continuidade).

Glück, compositor de moito éxito no Clasicismo, propuxo unha reforma profunda na ópera seria, algunhas de cuxas aprotacións son as seguintes: as arias deben estar xustificadas nunha sucesió argumental crible e cun texto de calidade; os números de ballet sen xustificación argumental sobran; elimínase a antinarrativa aria da capo; a música debe servir ó texto, que é o máis importante do espectáculo teatral-musical.

6º.- A música no Romanticismo: elixe unha pregunta:

a) O nacionalismo musical: nacionalismo ruso, nacionalismo nórdico. (1 punto)

A finais do movemento romántico xorde un interese hacia todo o que define a música e identidade cultural dunha poboación concreta.

Os compositores rusos foron moi importantes neste intento de recuperación do acervo musical, incorporándoo ó estilo da música chamada culta.

Destacamos ó grupo dos cinco (Balakirev, César Cui, Borodin, Mussorgsky e Rimski-Korsakov), incansables compositores de San Petersburgo, e a compositores como Tchaikovsky (gran revolucionador do mundo do ballet cos ballets El lago de los cisnes, La bella durmiente e Cascanueces).

O nacionalismo nórdico deixa a súa pegada en países como Noruega (Eduard Grieg) ou Finlandia (Jean Sibelius). Compositores que se serven da mitoloxía nórdica, das súas paisaxes e de todo o imaxinario cultural que lles ofrecen os seus bosques.

7º.- Define cinco dos seguintes termos musicais e indica o seu período: (1 punto)

Baixo continuo: concentración do ritmo harmónico na liña melódica do baixo. Normalmente interpretábano un mínimo de dous intérpretes no período barroco: un tocaba un instrumento monódico grave (o violonchelo, o contrabaixo, o fagot, o violón...) e un instrumento polifónico (o clave).

Blues: estilo musical de orixe negra nos EEUU, na época dos inicios do jazz. Trata o tema do sufrimento, tanto por cuestión de desamor como polas inxusticias da vida. Normalmente ten unha estrutura de tres versos: un pareado (de catro compases de 4/4 cada un coa estrutura harmónica I-I-I-I, IV-IV-I-I) e un estribillo (de catro compases coa estrutura V-IV-I-I). Utiliza notas alteradas descendentemente (blue notes).

Grunge: estilo musical dos anos 90, cunha actitude derrotista ante as adversidades do mundo contemporáneo. A resposta que dá é furiosa pero ineficiente: non se pode vencer unha partida perdida desde o comezo. Voces rasgadas, estruturas moi sinxelas, pouca calidade vocal e moita crítica. O grupo máis representativo é Nirvana.

Leit motif: motivo recurrente, ou idea que se repite. Utilizouno Wagner na súa tetraloxía El anillo de los Nibelungos, e empregaba un tema musical diferente para cada personaxe, tema ou situación. Serve para dar unidade, cohesión e sentido profundo á ópera.

Ritornello: cada un dos "estribillos" que se repite nunha peza barroca na que hai unha alternancia entre unha sección repetida (pero modificada, xa que se fose exacta sería un estribillo; o ritornello normalmente volve, "ritorna", na dominante, na subdominante, no relativo menor, etc, pero non se repite idéntico)

0 comentarios